Os tipos de envase nos que gardar o aceite de oliva
Os tipos de envase nos que vas atopar o aceite de oliva nas tendas é moi variado. Pero cada un ten unhas características que paga a pena que coñezas.
Probablemente o máis importante cando se escolle un envase no que gardar o aceite de oliva virxe extra é que axude a conservar-las súas propiedades naturais. Hai axentes que están presentes en todos os sitios como a luz e o osíxeno que van danando o aceite, por iso compre mantelo ben protexido.
Neste sentido, o ideal é que o envase no que gardes o aceite de oliva virxe extra sexa de cor escura, para que non deixe pasa-la luz, e con peche hermético, para que non poida entrar o osíxeno. Ademais de usar o envase axeitado, é importante que o almacenes nun lugar escuro, fresco e seco, pois as temperaturas por riba dos 22ºC tamén van ir empeorando a calidade do teu aceite.
É moi habitual ver unha botella de aceite de oliva sobre a encimeira, a carón dos lumes da cociña, un lugar onde a temperatura acada una niveis que non lle fan ningún ben ó aceite. De pouco serve que empregues unha boa botella se non a gardas no lugar axeitado.
Outro punto importante que has de ter en conta é que o aceite nunca debe estar en contacto con metais, pois van provocar que se oxide. Por iso non é unha boa idea empregar tapóns de aluminio, ferro o cobre, por exemplo, salvo que non chegue a tocar o aceite.
Por todo iso, o envasado é un momento clave no proceso de elaboración do aceite de oliva. Canto menos tempo estea en contacto co osíxeno, moito mellor. Deste xeito imos evitar que se oxide e que perda parte das súas propiedades e ese sabor natural a zume de oliva.
Clases de envase
Cristal ou vidro: é o máis común entre as marcas de AOVE Premium e é en xeral o mellor valorado polos consumidores. Poderalo atopar con diferentes grados de opacidade, dende o que é totalmente transparente ata o moito máis escuro ou incluso opaco. Isto ten que ver con protexer o aceite da luz, por iso, aínda que ten o problema de que non vexamos canto queda, se é máis escuro, mellor conservará o aceite. E sempre reciclable, por suposto.
Lata: outro dos envases tradicionais para conservar o aceite de oliva, moi bo sempre que estea revestido por dentro para evitar o contacto co metal. Ten a vantaxe da súa opacidade, que non deixa para a luz e favorece a conservación, aínda que non deixe ver canto aceite queda no envase.
PET (plástico): é o envase que se emprega para aceites de calidade máis standard, pois non protexe o produto da luz e o osíxeno do mesmo xeito. Resulta moi cómodo para os formatos de maior volume, como as clásicas garrafas de cinco litros. Unha boa maneira de empregalas é pasalo a unha botella máis pequena a medida que se vai gastando e gardar a botella de plástico nun lugar escuro e fresco.
Cerámica: é o menos común polo seu maior custo. Ten a vantaxe de non deixar pasa-la luz e que adoita ofrecer unha presentación máis coidada, polo que é ideal para a presentación de aceites Premium. Un exemplo deste formato foi a exclusiva liña de aceite que lanzou hai algún tempo Olei con cerámica de Sargadelos.
Caixa con billa (bag in box): aínda que é máis habitual velo para transportar o viño, tamén é apto para conter aceite de oliva, coa finalidade de almacenalo nalgún lugar fresco e pasalo unha botella máis pequena a medida que se vai gastando.
Spray: ofrécese como alternativa para aliñar ensaladas cunha cantidade mínima de aceite. Normalmente é de aluminio revestido no interior para evitar o contacto do aceite co metal.
En definitiva, tes moitos envases entre os que escoller para conservar o teu aceite de oliva virxe extra. O máis importante para que conserve tódalas súas propiedades naturais durante máis tempo é que non deixe pasar as radiacións ultravioletas e que o ille do contacto co osíxeno. Tamén é aconsellable que o gardes nun lugar fresco e lonxe de calquera fonte de calor.