A chegada da oliveira a Galicia cos romanos
A oliveira chegou a Galicia durante a romanización da Península Ibérica no século I. No que os romanos chamaron Gallaecia atoparon un tempo idóneo para cultiva-la aceituna, un produto esencial para eles, que non só empregaban na cociña, senón tamén coma combustible e coma base para a elaboración de ungüentos.
A extracción do aceite de oliva xa a practicaban os gregos e os fenicios, pero é en Roma onde a súa produción se amplía enormemente, popularizando o seu consumo entre tódalas clases sociais. Esta incipiente industria do aceite atopa en Galicia un terreo óptimo para a produción de aceites de grande calidade cos que abastece-las provincias máis occidentais do Imperio.
A práctica desaparición da oliveira en Galicia
Non se coñecen con certeza as causas do descenso do número de oliveiras en Galicia nos séculos escuros da Reconquista. Cóntase a cotío que foron os Reis Católicos o que ordenaron talar as oliveiras galegas para favorece-la produción nos territorios conquistados a Al-Andalus.
O certo é que semella máis crible o emprego de incentivos fiscais que protexesen a outras rexións produtoras, como os promovidos por Gaspar de Guzmán, o Conde-Duque de Olivares, valido de Felipe IV e coñecido produtor de aceite de oliva na provincia de Sevilla.
Esas trabas administrativas, xunto coa expansión de outros cultivos chegados de América, coma a pataca, que proporcionaban uns rendementos moito máis altos nunha economía eminentemente minifundista, provocaron que o cultivo da aceituna en Galicia fora desaparecendo. E con el, a meirande parte das nosas oliveiras.
Unha tradición milenaria
Unicamente nas zonas máis afastadas das ribeiras do Sil e do Bibei seguiuse a elaborar aceite de oliva de calidade suprema, mantendo viva unha tradición milenaria que chegou ata hoxe.
Así o testemuñan o vellos muíños de aceite que se conservan nas partes de Galicia de maior tradición olivareira e o legado dunhas variedades autóctonas, aínda en proceso de catalogación, que paga a pena preservar e desfrutar.