O Ribeiro

O Ribeiro é dende sempre unha das rexións produtoras de viño por excelencia en Galicia, na confluencia das cuncas dos ríos Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño. Nos últimos anos, O Ribeiro tamén destaca por seren unha das grandes zonas produtoras de aceite de oliva de Galicia.

Ademais, o patrimonio artístico do Ribeiro é un dos seus meirandes atractivos, un territorio que goza dunha riqueza paisaxística excepcional e presenta algunhas das manifestacións da arquitectura máis representativa de Galicia.

Cando veñas ó Ribeiro, aproveita para visitar as súas vellas cidades medievais, como a impresionante xudería de Ribadavia, participa nas súas festas máis emblemáticas, como a Festa da Istoria durante o mes de agosto, ou desfruta das súas magníficas augas termais.

O Ribeiro é unha terra excepcional que paga a pena visitar e que che ofrecerá a cambio un produto único, aceite e viño do Ribeiro, produtos da máis alta calidade, como nos aseguran as cantigas populares:

Se te casas en Ourense,

pídelle a proba primeiro.

(bis)

A cacheiriña do porco

e o bo viño do Ribeiro.

(bis)

Se vas ó Ribeiro, ó Ribeiro d'Avia,

se vas ó Ribeiro, vai por Ribadavia.

Vai por Ribadavia, vai por Ventosela,

que che hai unhas nenas que da gusto velas.

Que da gusto velas, da mágoa olvidalas,

se vas ó Ribeiro, vai por Ribadavia.