Aceiroga

No Val de Quiroga, ó Sur da provincia de Lugo, prodúcese dende hai séculos un aceite de oliva de calidade única. Á beira do Sil, a aceituna medra con unhas calidades diferentes, nun clima óptimo para as oliveiras e o seu froito.

Herdeiros desa tradición ancestral, a bodega de Manuel Mondelo elabora cada ano o aceite de oliva virxe extra Aceiroga, na súa propia almazara de Bendollo, a partires das aceitunas das súas oliveiras centenarias no Val de Quiroga.

Tras anos de recuperación do seu oliveiral, Aceiroga ten unhas 2500 oliveiras. A meirande parte pertencen ás variedades a autóctonas de aceituna de Galicia catalogadas polo CSIC, a Brava e a Mansa galegas (60%). Tamén ten oliveiras das variedades Picual (35%), Redondeta (3%) e Arbequina (2%).

O aceite de oliva virxe extra de calidade Premium Aceiroga obtense dende un premido en frío de aceitunas recollidas no seu punto óptimo de maduración. O emprego dos medios máis modernos para a extracción do aceite, asegura que conserve tódalas propiedades naturais características do aceite de Quiroga.

O aceite de oliva Aceiroga é un produto saudable dacordo ós baremos establecidos pola Axencia Europea de Seguridade Alimentar. O seu contido en polifenois ofrece unhas excepcionais propiedades antioxidantes, que o converten nun complemento perfecto para a túa dieta.